Preocupación en Barreiros por un gromo con 16 positivos
Un novo gromo pon en alerta os veciños e turistas de Barreiros e a nova pilla por sorpresa a moitos. Ao parecer, o gromo iniciouse nun bar agora pechado.
"A neta díxonos que nese bar non, que había covid". "Onte dixéronme que pecharan o bar". "Non me digas, pois nós comemos alí..., por iso está pechado".
Hai xa 16 positivos e dous deles, menores de 16 e 18 anos de idade están ingresados no hospital de Burela con pneumonía.
"Un positivo e un negativo en confinamento son os meus fillos. Cumpriron co confinamento. O que está no hospital segue con pneumonía, tose e febre".
Un grupo de afectados son mozos chegados de fóra e que se aloxan nesta urbanización e algúns veciños da zona quéixanse do comportamento xeral de moitos mozos.
"O que non era normal era o que pasaba por aquí". "Hai xente contaxiada que fai vida normal e iso é o perigoso". "Eu estou convencido que se fan un cribado en Barreiros aparecen máis". "Xúntanse moitos na praia e nos xardíns sen máscara e como se nada pasase".
Dende o Concello de Barreiros fan un chamamento apelando á responsabilidade de todos.