CRTVG

Buscar

Preocupación en Ames por leas entre mozos nunha praza de Bertamiráns

Publicado o 06/09/2021 13:09

Inquietude en Bertamiráns pola presenza de rapaces que fan festa na rúa pola tarde nunha das prazas da vila. Incluso hai uns días houbo unha liorta. Na Policía Local aseguran que xa identificaron máis de 20 mozos e que están a vixiar a zona, xunto con axentes da Garda Civil.

Veciños de Bertamiráns din estar preocupados pola presenza de mozos e mozas que quedan nesta Praza de Chavián, din, buscando rifar, sobre todo a última hora da tarde. Aseguran que son de concellos lindeiros como Santiago, que se organizan a través das redes para darse golpes. Na veciñanza din: "Métense con rapaces máis pequenos que acoden ao parque infantil, crean mal ambiente con berros, insultos e chegan a incitar a outros menores a consumir alcol e fumar. Veñen con mochilas cargadas de botellas e despois andan vomitando por calquera zona".

A Policía Local di que a presenza de mozos menores de idade nesta zona se fixo algo habitual nestes meses de verán, pero que teñen a situación controlada. Xa identificaron máis de 20 e algúns deles foron multados polo consumo de alcol, tamén por non cumprir as medidas anti covid−19, como non levar máscara, e nalgúns casos por desobediencia á autoridade.

Aseguran que só houbo unha agresión, nun caso concreto, e que están a investigar como aconteceu. Afirman que é rapazada que vén doutros concellos, como Santiago, Brión e Teo. A Policía di que están a desenvolver un programa de vixilancia na praza de Chavián xunto coa Garda Civil, que xa levan semanas e que se vai prolongar para evitar que se creen problemas de convivencia.

Noticias web

06/09/2021