CRTVG

Buscar

Preocupa na Palma a chegada ao mar de novas coadas

Publicado o 17/10/2021 21:03

Os científicos e os expertos militares certifican minuto a minuto que o volcán Cumbre Vieja segue máis activo ca nunca, segundo pode comprobar calquera veciño ou curioso que estea nestes momentos nas inmediacións das coadas.

Os responsables do Plan de Emerxencias das Canarias advirten da perigosidade das dúas coadas que discorren polo sueste da montaña de La Laguna, que poderían obrigar a tomar medidas extraordinarias se chegan ao mar.

Os expertos din que a calidade do aire é razoablemente boa, pero as cinzas e o po sahariano fan difícil a vida nas poboacións próximas á zona de exclusión. Advirten tamén que os sismos, máis de 40 este domingo, van seguir producíndose.

O panorama, case un mes despois de comezar a erupción, é desolador: 6.500 veciños desaloxados, dos que 1.300 perderon a casa, e 753 hectáreas cubertas polas coadas. A Garda Civil mantén vixiados os lugares desaloxados e acompaña os veciños que son autorizados a entrar na zona de exclusión para recuperaren cousas das vivendas que seguen en pé.

Noticias web

17/10/2021