Prenden okupas reincidentes na coruñesa rúa Falperra por varios roubos
Durante meses foron o pesadelo dos veciños da rúa Falperra, onde tiñan ocupado un edificio. Desaloxáronos hai apenas un par de semanas, pero en realidade na Coruña o problema persiste con estes mozos de orixe magrebí. Dous deles acaban de ser detidos por enésima vez por roubos con forza no centro da cidade. O caso é que non tardan en quedar de novo en liberdade.
O último dos roubos que se lle atribúen foi nunha cervexería do barrio coruñés de Monte Alto, onde pouco despois desta medianoite, sen respectar o toque de queda, un mozo forzou a pechadura da reixa e accedeu ao interior.
É un dos trece okupas que a finais do mes de outubro un amplo dispositivo policial desaloxaron do bario da Falperra. A eles tamén se lles culpa de dous roubos nun local da céntrica avenida da Mariña.
Hai escasos días, a Policía Nacional tamén prendeu dous dos okupas no barrio das Flores, aos que colleron na allada roubando no interior dun coche.
O último mozo que prenderon os axentes esta mesma noite xa foi detido noutras trece ocasións anteriores.
Arestora permanece nos calabozos da Policía Nacional de Lonzas á espera de pasar a disposición xudicial.