CRTVG

Buscar

Precaución coa velutina á hora de rozar

Publicado o 09/06/2020 15:16

Nesta época do ano cómpre ter especial coidado ao rozar as leiras. Pode haber niños de velutina entre o mato, e as picaduras poden chegar a ser mortais. 

O primeiro que nos din os expertos é que pasemos uns 15 minutos mirando a zona onde imos rozar na busca dalgunha velutina. Entre as silvas ou no mato pode haber un niño primario, eses que forman as raíñas antes de facer os grandes niños no alto das árbores que adoitamos ver no verán. Tamén cómpre rozar acompañados por se houbera problemas, e facelo cunha indumentaria que nos protexa das picaduras, podemos levar careta de apicultor e un spray insecticida. Se se produce o ataque, hai que afastarse do niño rapidamente, chamar o 112 e nunca poñerse a conducir porque as picaduras poderían producir desmaios. 

Antes de rozar, o primeiro consello é observar. Se hai velutinas sobrevoando a leira, mirar onde se meten, porque entre as silvas, ou baixo o chan podería haber un niño.

Cómpre ter especial coidado coas rozadoiras, porque o ruído do motor impedirá oír as velutinas. É aconsellable traballar acompañado, vestir de longo e usar careta de apicultor.

Se se produce o ataque, cómpre manter a calma, deixar con suavidade a ferramenta e chamar o 112. Un alérxico podería ter problemas graves en menos de 20 minutos. 

 

 

Noticias web

09/06/2020