Prata para o K4 500 de Carlos Arévalo e Rodrigo Germade
O gran duelo do piragüismo levouno Alemaña que superou a España por 2 décimas | Arévalo acada a medalla pola que traballou cinco anos | Germade, un especialista en barcos de equipo
A proba raíña do piragüismo tiña un duelo. Alemaña e España viñan loitando durante todo o ciclo olímpico pola primeira posición. Na última proba importante, na Copa do Mundo de Szeged, España conseguira o primeiro posto. Nos Xogos cambiou o gañador.
Alemaña impúxose por dúas décimas a un equipo español onde o peso galego é importantísimo. Carlos Arévalo (Betanzos) e Rodrigo Germade (Cangas) son pezas chave deste equipo no que tamén están Saúl Craviotto como marca e Marcus Cooper na posición de dous.
O tempo marcado por Alemaña foi de 1.22.219, polos 1.22.445 de España. Na terceira posición chegou o equipo de Eslovaquia.
O piragüismo é unha modalidade que nunca falla nos Xogos. En Tokyo Maialen Chorraut e a galega Teresa Portela déranlle á delegación española as dúas primeiras medallas. A terceira chegou con este K4 500. Unha medalla que iguala a Saúl Craviotto con David Cal como os deportistas españois con máis medallas en Xogos Olímpicos (5).
Para Carlos Arévalo é a redención ao acontecido en 2016, cando quedou como primeiro suplente no K2 que levou o ouro. Traballou durante cinco anos ata converterse na estrela do equipo español. Rodrigo Germade é un especialista en barcos de equipo. Ocupa a posición de catro, o encargado de dar harmonía á embarcación. Para el tamén é a primeira medalla olímpica logo de ser diploma no Brasil.