Prata olímpica para Teresa Portela, a padexeira máis grande de todos os tempos
• A de Aldán consegue a primeira medalla olímpica con 39 anos nos seus sextos xogos | O triunfo da perseveranza | Celebración en Cangas
Poucas medallas haberá máis merecidas que a de Teresa Portela. Quedou ás portas en Londres 2012. Parecía imposible con 39 anos pero a padexeira dos seis Xogos Olímpicos sorprendeu por un carreiro lateral e acadou a gloria olímpica.
Carrington dominou a proba de principio a fin. Por detrás Teresa Portela fixo unha gran saída e mantivo o pulso coas novas xeracións. A experiencia, o sufrimento permitíronlle chegar dúas centésimas antes que a dinamarquesa Jorgensen.
Portela debutou como olímpica en Sidney 2000 con só 18 anos. Alí acadou unha semifinal no k1 500 metros. A Atenas e a Pequín foi como integrante en barcos de equipo xa con aspiracións de medalla. Foron dous quintos postos no k2 e no k4. Xa na modalidade de k1 200 metros probou sorte en Londres no 2012. Quedou a un suspiro da medalla que lle escapou por centésimas e acabou no cuarto posto. Os de Río foron uns xogos especiais. Acababa de ser nai e sacou forzas para acadar un sexto posto. Esta prata culmina unha traxectoria brillante con quince medallas en mundiais e 18 en europeos.
Teresa Portela xa era un mito olímpico, a única muller española capaz de participar en seis Xogos Olímpicos. Nos sextos chegou a medalla.