PPdeG, BNG e PSdeG enfrontan no Parlamento distintas formas de ver os indultos
O portavoz do PPdeG no Parlamento, Pedro Puy, reprochoulle ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que adopte a "linguaxe propia dos secesionistas" ao dar a entender que o cumprimento da sentenza dos líderes do procés sería un "instrumento de vinganza".
Nunha conferencia de prensa defendeu, este luns, a postura do seu partido, que instalou máis de 200 mesas por toda España para recoller sinaturas contra estes indultos, porque é tamén "a que ten o Tribunal Supremo e a Fiscalía".
Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu que se indulte aos presos independentistas como "solución política a un debate de calado". "É coñecida a posición do BNG, nós cremos que en Cataluña hai un conflito que é político que require solucións políticas", asegurou Pontón.
Ademais, sinalou que a súa formación non "só está a favor dos indultos, senón tamén de que poida haber unha amnistía".
Os socialistas galegos cren que do que se trata é de "buscar o interese xeral e mecanismos que resolvan os conflitos", dixo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. "Estou seguro de que o Goberno de España actuará nesa liña", asegurou Caballero.