CRTVG

Buscar

Feijóo asegura que o PP é un partido leal e chama á unidade do centrodereita

Publicado o 02/10/2021 17:21

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este sábado que o PP é un "partido leal", non de "coteladas" nin "cambadelas". Ademais, dixo que a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, acode á convención nacional en Valencia a "sumar" do mesmo xeito que o resto de presidentes autonómicos.

"Os partidos que representan o pasado perden as eleccións e os partidos que representan o futuro gañan as eleccións. E o partido que representa o futuro é o Partido Popular e o político que representa o futuro é Pablo Casado", afirmou o líder do PP galego á súa chegada á primeira xornada do peche dos populares en Valencia.

Sobre Díaz Ayuso, que esta semana protagonizou un choque coa dirección do partido polo mando do PP madrileño, Feijóo sostivo que é un "feito" que todos os presidentes autonómicos do PP foron a Valencia a apoiar a Casado. O PP deixa as cambadelas a outros porque é "un partido reformista" que sabe que "para ser alternativa" debe mandar "unha mensaxe de estabilidade, xestión, compromiso e lealdade", argumentou.

"O obxectivo de Ayuso é sumar"

"Para o que estamos aquí é para sumar. Ao PSOE e a Podemos o que lles interesa é que non sumemos, pero xa nos dividiron nas eleccións últimas e aprendemos que divididos só imos conseguir que PSOE e Podemos estean desgobernando o noso país. E ese (sumar) é o obxectivo de Isabel Díaz Ayuso igual que o meu ou o do conxunto de presidentes autonómicos", dixo.

Unir o voto do centrodereita

Feijóo chamou ademais a unir o voto do centrodereita na papeleta do PP porque "a división e a fragmentación" implican "a consolidación dos socialistas e os populistas". Ademais, acusou os socialistas españois de non teren límite e de "pactar con calquera", ao contrario que os socialistas europeos ou portugueses.

O presidente da Xunta argumentou que na convención nacional o PP vai tentar acreditar que se pode falar de "solucións", de "liberdade", fronte a unha España con "moito ruído, crispación", porque, ao seu xuízo, a política é "grandeza", "non populismo barato e non crear máis problemas que solucións".

Noticias web

02/10/2021