PP e C's pídenlle a Sánchez que impida o terceiro grao aos presos do 'procés'
O líder de Podemos cre grave que Sánchez non lle colla teléfono a Torra coa que está caendo en Cataluña.
Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, cre que "é unha tomadura de pelo. Creo que unha democracia avanzada como a nosa implica que un ten que gañar o soldo e falar con xente que ao mellor non che cae moi ben ou coa que non che apetece falar".
Pablo Casado, que estivo este martes en Barcelona, tamén está a favor de que Sánchez intercambie cartas con Torra, para requirirlle que cumpra a Constitución, e chamadas, para anunciarlle a ruptura dos pactos municipais. Tanto el como Albert Rivera alertan do risco de que, como desvela o xornal El Mundo, o presidente catalán pretenda darlles o terceiro grao aos 9 encarcerados tras as eleccións.
Albert Rivera, presidente de Ciudadanos, pregúntase: "De verdade imos permitir que Torra abra a porta do cárcere? Eu pido recuperar as competencias penitenciarias e que non poidan saír ata o derradeiro día de condena".
Para Pablo Casado, presidente do PP, "a Generalitat pode facer uso da competencia transferida polo Partido Socialista na administración penitenciaria para darlles beneficios penitenciarios a estes condenados. O Goberno debe contemplar a posibilidade de trasladalos a outras prisións fóra de Cataluña".