CRTVG

Buscar

Poucos valentes nas terrazas compostelás tras a reapertura da hostalería

Publicado o 06/12/2020 15:00

Hai dous días Santiago de Compostela quedaba sen o peche perimetral e volvía recuperar a apertura dos locais de restauracion e bares, tanto nas terrazas coma no interior. Iso si, coa ocupación reducida. Ademais, permitíase a xuntanza de ata seis persoas non conviventes. Con todo, esta mañá o ambiente na zona vella era moi diferente ao que se vivía o ano pasado.

"Non sei se a xente decidiu quedar na casa polo tempo. Hai que ser valente para ir á terraza un pouco", comentaba un dous poucos clientes atrevidos.

"Fomos a outro bar e estaba o mesmo. Nunha terraza en que hai quince ou vinte mesas e só unha persoa tomando un café", aseguraba outro.

Os hostaleiros botaban de menos esta mañá os turistas. O peche perimetral de Galicia co resto da Península impide a chegada de viaxeiros e a maior parte das grandes cidades galegas tamén teñen restrixida a mobilidade. E Dora, o temporal desta fin de semana, tampouco anima a saír da casa, porén, os profesionais poñen boa cara ao mal tempo.

Para Lois Lopes, da Asociación Hostalería Compostela: "Nótase gana de vir aos bares, a solidariedade e o apoio segue notándose. Ben é certo que o primeiro desconfinamento foi no mes de maio e cadrou cun tempo estupendísimo e iso inflúe inevitablemente".

Os hostaleiros confían en recuperar pouco a pouco a actividade, porque -como afirman- fai moita falla economicamente. Pero iso si, cumprindo estritamente as medidas sanitarias e contribuíndo a evitar un novo confinamento.

Noticias web

06/12/2020