Posible estafa na contratación de pólizas de seguros en Ponte Caldelas
Veciños de Ponte Caldelas alertan dunha presunta fraude por parte dun axente de seguros da vila. Supostamente, o home cobraba en man pólizas que logo non tramitaba ou tramitaba tarde. A axencia xa despediu ao traballador e asegura que se vai facer cargo de resarcir os afectados.
Veciños de Ponte Caldelas facían cola esta mañá á porta desta axencia de seguros. Agardan que alguén lles explique que pasou cos cartos das pólizas que contrataron. Sobre todo, queren saber se poden usar os seus coches, porque non teñen o recibo que acredite que pagaron o seguro.
O axente é un coñecido da vila que ofrecía boas tarifas aos clientes. Segundo explican, pedíalles que pagasen na man e non lles daba recibo. Despois ou non tramitaba ou tramitaba tarde o seguro coa compañía correspondente.
A axencia despediu o empregado, pero aínda non o denunciou. Aseguran que se farán cargo de todo e piden tranquilidade porque, din, non hai ninguén sen seguro.