CRTVG

Buscar

Portugal supera os cen mil contaxios ao sumar 1.949 novos positivos

Publicado o 19/10/2020 16:35
Portugal supera os cen mil contaxios ao sumar 1.949 novos positivos

Portugal sumou este luns 1.949 positivos de covid-19 nas últimas 24 horas e desde que comezase a pandemia xa acumulou un total de 101.860 persoas contaxiadas.

Segundo a Dirección Xeral de Saúde de Portugal, no último día faleceron 17 persoas por mor da  covid-19, e o número de decesos elévase a 2.198 persoas.

Portugal está pendente da presión dos seus hospitais tras a segunda onda, xa que acumula 1.174 ingresados (88 máis nas últimas 24 horas) e 165 atópanse na unidade de coidados intensivos (UCI), dez máis que no día anterior.

Segundo explicou o secretario de Estado de Saúde de Portugal, António Sales, desde que comezou a pandemia xa se practicaron máis de tres millóns de test para tentar deter a expansión do coronavirus.

A semana pasada foi, desde o inicio da pandemia, a que máis casos positivos acumulou en Portugal, cun total de 13.247 casos novos e unha taxa de contaxiados por cada test practicado do 6,4 %.

O obxectivo das autoridades sanitarias lusas céntrase na práctica de test masivos para detectar de forma precoz os asintomáticos, polo que durante a pasada semana houbo días en que se practicaron ata 30.000 test diarios.

Portugal atópase en fase de estado de calamidade, polo que as reunións na rúa non poden ter máis de seis membros, e o Goberno promoverá unha lei no Parlamento para que en breve sexa obrigatorio o uso de máscara na rúa.