CRTVG

Buscar

Portugal rexistra novo máximo de mortes (218), cos hospitais ao bordo do colapso

Publicado o 19/01/2021 17:25

As mortes disparáronse hoxe en Portugal, cando se notificaron 218 falecidos, por encima do récord diario rexistrado onte de 167 óbitos, e nunha xornada na que ademais se volveron a superar os 10.000 contaxios.

O país, que se atopa confinado, superou hoxe a barreira dos 200 mortos por primeira vez en toda a pandemia e tras encadear once días consecutivos por encima do centenar, con 9.246 falecementos desde marzo, segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde (DGS) lusa.

Portugal, cuns 10 millóns de habitantes, notificou ademais 10.455 infeccións nas últimas 24 horas, co que volveu ás elevadas cifras da semana pasada, a pesar de que os martes adoitan ser, despois dos luns, un día de números máis moderados porque aínda sente o efecto da fin de semana.

Desde que arrincou a pandemia detectáronse 566.958 casos positivos, dos que máis de 135.000 están activos. Os elevados números de contaxios das últimas semanas seguen aumentando a presión sobre os hospitais, que se atopan ao bordo do colapso.

Neste momento hai 5.291 pacientes ingresados con covid-19 (126 máis que onte), dos cales 670 están en unidades de coidados intensivos (6 máis). Ambas as cifras son picos máximos de toda a pandemia.

A situación levou á apertura de hospitais de campaña nalgunhas cidades -en Lisboa abriranse dúas esta semana- e aumentan as voces que piden en Portugal que se recorra ao sector privado, algo que o Executivo non descarta. O primeiro ministro luso, António Costa, sinalou o luns que só se recorrerá aos privados cando sexa necesario, e que de momento non se produciu ningunha situación na que non houbese outra alternativa.

Portugal está baixo confinamento desde o pasado venres, aínda que o Goberno portugués anunciou onte un endurecemento das medidas, despois de que durante os primeiros días se sucederan imaxes de grupos de persoas na vía pública. 

Noticias web

19/01/2021