CRTVG

Buscar

Portugal rematará as clases da ensinanza obrigatoria por televisión

Publicado o 09/04/2020 18:11
Portugal rematará as clases da ensinanza obrigatoria por televisión

Os menores de 16 anos, que cursan entre o primeiro e o décimo nivel do sistema educativo portugués, terminarán o ano lectivo en casa con clases a distancia que poderán seguir por televisión, mentres o Goberno avaliará unha eventual volta ao ensino presencial para alumnos maiores.

Así o comunicou hoxe o primeiro ministro luso, António Costa, que explicou en conferencia de prensa en Lisboa que o terceiro trimestre continuará con clases a distancia a través de emisións televisivas nunha canle pública a partir do 20 de abril, que complementarán o traballo dos profesores.

As avaliacións para estes alumnos, arredor dun millón en todo o país, serán realizadas sen exames, polos profesores que seguiron o curso dos alumnos e coñecen o seu desempeño. Os estudantes de 11º e o 12º ano, entre 16 e 18 anos, que preceden ao ensino superior -universitario e outras modalidades-, retomarán as clases presenciais cando haxa garantías suficientes, pero o Goberno "non está en condicións de fixar unha data mesmo de carácter indicativo".

Estes niveis son "anos decisivos para o acceso ao ensino superior e o regreso á vida activa, polo que é particularmente importante recuperar as actividades lectivas presenciais", sinalou Costa, que anunciou que os exames finais, que contan para o acceso á universidade, prorrogáronse ata xullo e setembro. "Se conseguimos que haxa un período dunha ou dúas semanas (de clase presencial) para resolver dúbidas para os exames, xa sería unha vitoria", recoñeceu Costa.

Cando se retomen as clases, os alumnos, os profesores e os traballadores dos centros deberán usar máscaras que serán facilitadas polo Ministerio de Educación. Os profesores e auxiliares que pertenzan a grupos de risco da COVID-19 non volverán ás escolas. Estas regras aplicaranse a todos os alumnos, independentemente se estudan polo ensino público ou a privada.

Portugal mantén as clases suspendidas desde o día 16 de marzo pola pandemia da COVID-19, que xa deixa case 14.000 contaxiados no país e 409 falecidos. 

Noticias web

09/04/2020