Portugal recomenda a máscara en lugares onde non se poida garantir a distancia de seguridade
Moitos galegos escolleron Portugal para prescindir durante un tempo das máscaras. Pero a cousa vai cambiar tamén no país veciño. En Portugal aumentan os contaxios e vanse poñer máis duros co uso desas proteccións.
Seguirá sen ser obrigatoria, pero dan un paso máis e agora é recomendable en lugares onde non se pode garantir a distancia de seguridade, como adoita pasar por exemplo nunha coñecida rúa comercial do Porto. Xa o demostraron co confinamento, que era unha recomendación, e agora parece que con isto os portugueses tamén o toman coma se fora unha orde.
Segundo dá a entender o Goberno luso, a medida que nos adentremos no inverno medrará a imposición do seu uso. Algúns concellos por todo o país fan campaña para que se use a máscara na rúa en todo momento. Na illa da Madeira, rexión autónoma, é obrigatoria dende o desconfinamento.