CRTVG

Buscar

Portugal recibe axuda internacional para loitar contra a pandemia

Publicado o 01/02/2021 15:19

Portugal agarda que esta semana chegue a axuda do exército alemán para aliviar a situación de colapso que vive o país. De Alemaña chegarán sanitarios e equipamento médico, pero non é o único país que respondeu á súa chamada de auxilio.

Aínda non se sabe cando, pero en breve avións medicalizados comezarán a trasladar doentes graves ata Austria. Non é só que os hospitais portugueses non teñan espazo para os doentes, é que non hai persoal. Por iso o Goberno alemán enviará arredor de 30 médicos para colaborar. Tamén traerán camas de campaña e respiradores, fundamentais para a loita nas UCI.

Que Portugal pida axuda ao estranxeiro dános unha idea da gravidade da situación aquí e os números vermellos do coronavirus seguen sen baixar, aínda que xa albiscan o pico da terceira vaga. E outro dato ilustrativo: no mes de xaneiro morreron a metade das vítimas de toda a pandemia en Portugal. 

Colapso nos hospitais, pero tamén nos depósitos de cadáveres e funararias, que acollen 3 veces máis mortos que un mes de xaneiro habitual. Os nosos veciños portugueses pasaron inexplicablemente de ser un exemplo de contención a ser o país do mundo cos peores datos de contaxios e mortalidade

Algo impensable, como atender doentes nas ambulancias fóra dos hospital, volveuse unha solución de éxito para poder salvar vidas. As críticas ao Goberno pasan polo reproche de non ser máis duros nas festas do Nadal e preguntan por que non se interveñen os hospitais privados en vez de pedir axuda ao estranxeiro.

Pero dende o Goberno explican que todos teñen que colaborar, e o certo é que o confinamento xeral renovado onte mesmo non está sendo apoiado polos portugueses. O venres pasado só o 23 % por cento dos cidadáns quedaron na casa. 

Así, os nosos veciños agardan chegar ao pico ao longo desta semana cando comezan tamén a vacinar os maiores de 50 anos con doenzas. 

Noticias web

01/02/2021