Portugal porá multas de ata cen euros por incumprir as normas anticovid na praia

Portugal porá multas, dende os cincuenta aos cen euros, a aquelas persoas que vaian á praia sen máscara ou non garden a distancia social. A Policía Marítima será a encargada de sancionar.
No país veciño, o tapabocas é obrigatorio no acceso ao areal e ata colocar a toalla. Ademais, hai que respectar a separación dun metro e medio entre persoas e seguir a sinalización marcada.
Os chiringuitos e restaurantes (onde é obrigatorio o uso de máscara) que non cumpran os estándares de hixiene e desinfección enfróntanse a multas que van dos 500 aos 1000 euros.
O decreto lei que recolle estas medidas, aprobado polo Consello de Ministros o pasado 6 de maio, publícase xusto a tempo para esta fin de semana, cando arrinca a tempada de baño en Cascais e na rexión sur do Algarve. As praias do resto do país abrirán en xuño, incluídas as do arquipélago de Madeira.