Portugal decide esta tarde se reabre as fronteiras esta fin de semana
O xornal Público avanza que Portugal abriría as fronteiras o vindeiro sábado, acabando co peche que tantos prexuízos económicos está deixando na raia.
Empresas e veciños esixen a súa inmediata apertura. A decisión tería sentido porque Portugal conta cuns excelentes datos da pandemia, por iso consideran que non é necesario renovar o estado de emerxencia. De todas formas, imos tomar a información deste medio portugués con cautela e agardar a comparecencia do primeiro ministro, António Costa, esta tarde, que confirmará se é así.
Tamén se fala dunha aceleración do plan de desconfinamento grazas aos bos datos na evolución da pandemia. Portugal notificou hoxe 572 contaxios e tres mortes por coronavirus, cifras estables dentro da tendencia das últimas semanas, e a incidencia a 14 días retrocedeu ata os 69,3 casos por 100.000 habitantes.
O Eixe Atlántico ou a Agrupación Europea de Cooperación territorial do Río Miño esíxenlle ao Goberno luso que abra as froteiras con Galicia se considera que a pandemia está sendo controlada. Estes dous organismos da eurorrexión non fan máis que ser altofalante de centos de empresas e veciños da raia que levan tres meses sufrindo graves prexuizos económicos. Mañá mesmo teremos noticias sobre este asunto porque o executivo luso decidirá en consello de ministros que facer e, con sorte, teremos alguna data sobre a mesa.