Portugal non baralla o peche da fronteira coincidindo cos peores días do coronavirus
Portugal enfróntase estes días aos peores datos dende o mes de abril. É certo que non se achegan ao índice de contaxios de España, pero non queren que a situación se descontrole. O Goberno celebrou este venres un gabinete de crise para analizar a situación. Polo de agora a proposta de peche de fronterias non está sobre a mesa.
O peche non está sobre a mesa, pero non se descarta que se adopten medidas de control na fronteira entre os dous países se os contaxios seguen a medrar na raia. Aquí, en Portugal, en conxunto as cifras son moito máis baixas que en España, 780 positivos e 6 mortes nas últimas 24 horas, pero son os peores datos desde o 10 de abril. O primeiro ministro António Costa convocou o seu equipo de goberno para analizar a situación. Apela á responsabilidade cidadá.
Isto canto ao político, pero é que aquí, en Portugal, a preocupación na rúa pola incidencia do virus medra e unha proba é a enquisa que fixo o diario 'Jornal de Noticias', que revela que o 50% dos portugueses están a favor dun novo confinamento.