Portugal anuncia a fin do estado de alarma para a fin de semana
O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, anunciou hoxe que non propoñerá unha nova renovación do estado de emerxencia, o nivel de alerta máis alto do país, polo que a medida será levantada o día 1 de maio.
"Decidín non renovar o estado de emerxencia", comunicou o xefe do Estado nunha declaración ao país, onde explicou que tomou a decisión tras oír os especialistas, o Goberno e os partidos que integran o Parlamento.
O estado de emerxencia, en vigor desde novembro e que estaba vixente ata o 30 de abril, debe ser proposto polo presidente, aprobado polo Parlamento e renovado cada 15 días, como establece a Constitución Portuguesa. Rebelo de Sousa explicou que na súa decisión tivo en conta "a estabilización e mesmo descenso do número medio de mortes e de ingresados en planta e en coidados intensivos, a redución do Rt (o índice de transmisión) e a estabilización do número de infectados".
O presidente tamén destacou o esforzo nos tests e o avance da vacinación, e deu grazas aos portugueses por "un ano e dous meses de valente disciplinada resistencia". Aínda así, avisou de que non dubidará en avanzar novamente con outro estado de emerxencia se a situación o require.
Tras un período de mes e medio de estado de emerxencia ao comezo da pandemia, Portugal volveu declarar este nivel de alerta o 9 de novembro ante o avance do virus e estivo en vigor de forma ininterrompida desde entón. Cunha terceira onda durísima, o 15 de xaneiro decretouse un confinamento xeral e o Goberno só empezou a aliviar as restricións, de forma gradual, dous meses despois.
Actualmente Portugal atópase na terceira fase do plan de desconfinamento e espérase, a falta de confirmación oficial, que o vindeiro luns a gran maioría do país avance á última fase do proceso. Este martes as autoridades mantiveron unha reunión con epidemiólogos e outros especialistas, que confirmaron que a situación da pandemia é estable.
O índice de transmisión Rt atópase en 0,99 e a incidencia a 14 días é de 70,4 casos por 100.000 habitantes. Portugal, con algo máis de 10 millóns de habitantes, suma desde que empezou a pandemia 834.991 casos confirmados do virus e 16.970 falecidos.