Portugal iniciará o 1 de outubro o seu regreso á normalidade

Portugal avanza cara á terceira e última fase do desconfinamento. O Goberno aprobou o levantamento das restricións previstas no plan presentado en xullo.
Entre as medidas anunciadas figura a redución dos usos da máscara en espazos interiores.
Tamén se eliminan as restricións de capacidade nos locais, como en vodas, bautizos, comercio ou espectáculos culturais. Ademais, deixa de ser necesario o certificado covid en restaurantes ou hoteis.
O executivo portugués tamén elimina os límites horarios e, por primeira vez desde o inicio da pandemia, reabrirán as discotecas e os pubs. Iso si, nos locais de ocio nocturno si será preciso presentar o certificado covid para poder acceder. Tamén se vai pedir ese certíficado en viaxes por vía aérea ou marítima, visitas a residencias ou establecementos sanitarios e grandes eventos culturais ou deportivos.
"Entramos nunha fase que se asenta esencialmente na responsabilidade individual de cada unha e cada un de nós", dixo o primeiro ministro António Costa.
O certificado dixital de vacinación esixirase en viaxes aéreas ou marítimas, nas visitas a residencia de maiores e nos hospitais, onde se recupera a presenza de familiares para acompañar aos enfermos. Tamén será obrigatorio en grandes eventos culturais e deportivos, cuxas condicións serán definidas pola Dirección Xeral de Saúde de Portugal.
A máscara, cuxo uso é xa optativo en espazos públicos, terá que usarse en transportes públicos, residencias, hospitais, nas salas de espectáculos e nas grandes superficies comerciais.
Nos colexios, o uso da máscara non é obrigatorio nos recreos e a Dirección Xeral de Saúde estuda a situación para emitir un novo paquete de medidas nos próximos días. "Somos un país turístico", explicou Costa, e "o risco non desaparece".
Desde que estalou a pandemia, Portugal rexistrou máis dun millón de contagios e 17.938 falecidos. A día de hoxe permanecen ingresadas por coronavirus 412 persoas, das que 75 atópanse en coidados intensivos.