Portugal estrea a obrigatoriedade da máscara nas rúas
Dende hoxe en Portugal a máscara é obrigatoria tamén na rúa. Non se trata dunha medida indefinida como ocorre en España, senón que ten unha duración determinada. Son 70 días, pero prorrogables dependendo da evolución da pandemia.
O decreto aprobouse o venres, pero non foi asinado ata agora polo presidente da República, por iso se aplica hoxe. De todas formas, a maioría dos portugueses xa dende a fin de semana están na rúa coa máscara posta.
Por outro lado, o Ministerio de Sanidade anunciou con preocupación que a mediados da semana que vén Portugal, atención, aumentará un 80 % as hospitalizacións por covid-19. Calculan que pasarán dos 1.700 acumulados de agora aos 3.000. En só unha semana. Se o cálculo se cumpre, o servizo de Sanidade portugués estará en serios problemas.