Portugal entrega o material para fabricar explosivos comisado a Resistencia Galega
As autoridades xudiciais portuguesas entregan ás súas homólogas españolas efectos pertencentes á organización denominada Resistencia Galega dos que se incautaran en novembro de 2019.
O lugar de almacenamento do material localizábase en Coímbra. Alí atoparon Garda Civil e Policía Xudicial unha "importante cantidade de material e substancias explosivas, e todos os elementos necesarios para a elaboración dos mencionados artefactos", segundo recolle o comunicado da Benemérita.
Entre o material acharon artefactos de PVC preparados e cargados con pólvora, cartuchos de pólvora prensada, iniciadores listos para o seu uso, mecha de diferentes tipos e outros elementos para a elaboración de artefactos explosivos, como temporizadores, potas, reloxos e espertadores como os utilizados pola organización nas "máis de 60 accións terroristas executadas nos últimos anos", e tamén artefactos de fabricación propia.
Tamén se incautaron de "útiles para a falsificación de documentos e diversa documentación orgánica do grupo terrorista".
Ademais, a Policía Xudicial pensa que no zulo de Coímbra onde localizaron o material tamén se montaban os artefactos.
Tras as detencións en 2019 de Antón García Matos e María Asunción Losada Camba en Vigo e o rexistro do domicilio de ambos en Aldea de Baños (Fornelos de Montes), segundo a Garda Civil, os "máximos dirixentes", comezou unha investigación coa finalidade de localizar a "infraestrutura que puidese ser utilizada polos entón detidos".
A Audiencia Nacional dirixe as investigacións, coordinadas pola Fiscalía da propia Audiencia.
ÚLTIMA HORA | Portugal entrega a España o material para fabricar explosivos comisado a Resistencia Galega. Os detalles aquí ▶ https://t.co/17pgUmGqQY pic.twitter.com/fMHipk91zf
— G24 (@G24Noticias) October 19, 2020