CRTVG

Buscar

Portugal eleva o nivel de alerta nacional e declara o estado de calamidade

Publicado o 15/10/2020 08:30

Portugal aumenta o nivel de alerta en todo o seu territorio a partir de medianoite, cando entrará en vigor o estado de calamidade para reducir a un máximo de cinco persoas as reunións na rúa, en restaurantes e en espazos comerciais, ademais doutras restricións.

A medida foi anunciada polo primeiro ministro, António Costa, ao termo dunha reunión do Consello de Ministros que aprobou cambios para atallar a escalada de coronavirus que vive o país, que suma seis días consecutivos con máis de 1.000 casos diarios. Portugal rexistrou este mércores 2.072 casos nunha xornada, un novo récord durante a pandemia e un salto considerable coa media dos últimos días.

"Temos que clasificar a evolución da pandemia no noso país como unha evolución grave", dixo Costa, quen apelou á responsabilidade individual antes de anunciar as decisións do seu gabinete para tratar de estabilizar a curva, que estarán en vigor polo menos durante 15 días.

Ao pasar do actual estado de continxencia ao de calamidade agravaranse as restricións de reunión, que pasarán a ter un máximo de cinco persoas na vía pública, "entendéndose que se aplica a outros espazos de uso público de natureza comercial ou restauración".

Ata o de agora permitíanse reunións de 10 persoas, que quedaban reducidas a catro no caso de centros comerciais ou cafeterías e restaurantes a menos de 300 metros de centros educativos.

Costa volveu a recomendar "vivamente" o uso de máscara na vía pública, unha medida que actualmente non é obrigatoria, pero que se tramitará no Parlamento para que o sexa o máis axiña posible.

O gabinete aprobou hoxe presentar na cámara "unha proposta de lei en que solicitaremos, con tramitación de urxencia, que sexa imposta obrigatoriedade de uso de máscara na vía pública, como é obvio con sentido común, só nos momentos en que hai máis persoas na vía pública".

Tamén se propoñerá a obrigatoriedade de descargar a app de rastrexo do virus, Stayaway Covid, en contexto laboral, escolar e académico, nas forzas armadas e forzas de seguridade e na Administración pública.

Ademais limítanse a 50 persoas os eventos familiares como vodas, bautizos ou comuñóns, en que "todos terán que cumprir normas de distancia e protección individual, como o uso de máscara".

A medida chega despois de que se detectaran focos tras vodas celebradas no país, unha cuestión que preocupa xunto aos gromos en universidades, especialmente no Porto, con 100 casos entre alumnos, e Aveiro, con 80 estudantes infectados tras participar en festas.

Por iso pasan a prohibirse todas as actividades non lectivas, como cerimonias de recepción de alumnos de primeiro ano "e outros tipos de festexos que impliquen reunións".

Elevaranse ademais ata os 10.000 euros as multas para establecementos que non cumpran as regras de ocupación e distanciamento, e reforzarase a "fiscalización" das autoridades para comprobar que así se fai.

O primeiro ministro apelou á responsabilidade individual, que conseguiu en marzo e abril, durante o estado de emerxencia, "estancar a evolución da pandemia" e reiterou aos mozos que están equivocados ao pensar que o coronavirus representa un menor risco para eles.

Portugal suma 91.193 contaxios e 2.117 falecidos por coronavirus desde que comezou a pandemia.