CRTVG

Buscar

Portugal aproba o uso obrigatorio da máscara na rúa por tres meses

Publicado o 23/10/2020 21:14

O Parlamento portugués aprobou hoxe o uso obrigatorio da máscara nos espazos públicos abertos polo menos durante o próximos tres meses, no medio dun aumento dos contaxios por covid-19 que obrigaron o Goberno a restrinxir a mobilidade con motivo do 1 de novembro.

A iniciativa foi apoiada por socialistas e PSD e CDS, os principais partidos da dereita, mentres a esquerda optou pola abstención.

A moción aprobada hoxe obriga ao uso da máscara para os maiores de 10 anos nos espazos públicos "sempre que o distanciamento físico recomendado polas autoridades de saúde se mostre impracticable".

A normativa especifica que a viseira non pode ser utilizada como alternativa á máscara e establece multas de entre 100 e 500 euros por incumprimentos.

O debate parlamentario estivo precedido dunha polémica que quentou o clima político pola intención inicial do primeiro ministro, o socialista António Costa, de impulsar tamén o uso obrigatorio da aplicación de rastrexo Stayaway Covid nos teléfonos móbiles.

Ante a rápida expansión do virus no país, o Goberno anunciou o xoves que se prohibirá a circulación entre municipios entre os días 30 de outubro e 3 de novembro, para evitar que "a dor do loito" das familias acabe co distanciamento social.

Ademais, declarou o día 2 como xornada de loito nacional polas mortes causadas por coronavirus e decretou restricións próximas ao confinamento para máis de 113.000 habitantes de tres municipios do norte con maiores índices de contaxios: Felgueiras, Lousada e Paços de Ferreira.

No resto do país, segue vixente o estado de calamidade, que prohibe reunións de máis de 5 persoas en rúas ou restaurantes e restrinxe os horarios comerciais.

Portugal rexistrou o xoves outro récord de contaxios, con 3.270 novos casos e 16 mortos, que elevan a 109.541 o total de positivos e a 2.245 as vítimas mortais desde o inicio da pandemia no país.