Portugal anuncia novas restricións o mércores e pide quedar na casa
A partir do mércores a grande maioría dos portugueses están chamados a quedar na casa. Son os veciños de 126 concellos que contan cun alto índice de contaxios. Entre eles están as dúas grandes cidades e as súas áreas metropolitanas: o Grande Porto e a Grande Lisboa.
Dende o día catro, durante 15 días, sete millóns de portugueses deberían, baixo o criterio do goberno luso, quedar na casa para frear o espallamento do virus. O Goberno luso pídellelo como un deber cívico. Non é unha obriga.
De feito, os restaurantes e tendas seguirán abertos, porque, e isto está sendo moi polémico, o Goberno pide quedar na casa, pero tamén quere que se siga indo a espectáculos culturais e a consumir.
Mentres, hai que lembrar que Portugal seguirá ata o martes incluído coas restricións de mobilidade, e ningún cidadán pode saír do seu concello; os galegos só podemos cruzar a fronteira para o máis esencial.
Esta restrición de mobilidade aplícase en todo Portugal, excepto nas illas, coma a da Madeira, que se libra das medidas grazas aos seus bos datos de coronavirus, casi inexistente aquí.
Quen si que sofre duramente as restricións son os comerciantes da raia, que din estar totalmente asfixiados con esta situación en que os galegos, os seus principais clientes, non poden achegarse a comprar.