CRTVG

Buscar

Portugal anuncia novas restricións en Lisboa tras a repunta de casos

Publicado o 22/06/2020 18:09
Portugal anuncia novas restricións en Lisboa tras a repunta de casos

O Goberno portugués anunciou hoxe novas restricións en Lisboa e varios municipios do seu cinto metropolitano ante o aumento de casos de COVID-19 na zona e a alarma creada pola proliferación de festas ilegais con centos de mozos. 

A rexión de Lisboa e o Val do Teixo concentran polo menos dous terzos dos novos contaxios diarios de todo o país, en especial os municipios de Lisboa, Sintra, Odivelas, Amadora e Loures, que aglutinan 1,4 millóns de habitantes. 

Nestas localidades imponse a partir das doce da próxima noite a prohibición de reunións de máis de 10 persoas, e os comercios deberán pechar ás 20:00, salvo restaurantes, que poderán dar ceas.

Suspéndese tamén a venda de bebidas nas áreas de servizo para evitar os populares botellóns na vía pública e esixirase un maior control das medidas de seguridade nos centros comerciais

O Goberno xa anunciou un reforzo da vixilancia policial para asegurar o cumprimento destas directrices e evitar as improvisadas festas, que se multiplicaron en distintos puntos do país durante a fin de semana. 

"Ten un custo brutal para a seguridade social e un perigo inmenso para a seguridade pública", dixo o primeiro ministro, António Costa, sobre estes encontros masivos, que poden favorecer un brote que poña en perigo "a liberdade de todos, o emprego de todos e os ingresos de todos". 

Os brotes que se están rexistrando nas residencias de anciáns son o outro gran foco de preocupación para as autoridades sanitarias lusas. Ao caso da residencia de Reguengos de Monsaraz (O Alentexo), con 56 positivos, sumouse hoxe o dun centro en Odivelas, nas proximidades de Lisboa, con outros 87 contaxios

Por outra banda, portavoces do santuario de Fátima, onde 16 empregados e colaboradores deron positivo, apresuráronse a asegurar que os enfermos non estiveron en contacto cos fregueses que acudiron ao recinto nas últimas semanas. 

Portugal, que tivo un bo inicio no control da pandemia, suma un total de 1.534 falecidos e 39.400 contaxios por COVID-19.