CRTVG

Buscar

Portugal amplía o toque de queda tras sumar case 10.000 contaxios

Publicado o 07/01/2021 17:14
Portugal amplía o toque de queda tras sumar case 10.000 contaxios

Portugal estenderá esta fin de semana a case a totalidade do seu territorio o toque de queda a partir das 13.00 horas e prohibirá circular entre municipios tras volver sumar este xoves, por segundo día consecutivo, case 10.000 contaxios.

As medidas foron anunciadas polo primeiro ministro, António Costa, quen deixou claro que se esta tendencia de contaxios se estende á semana que vén haberá novas e máis duras restricións, sen descartar incluso un confinamento similar ao de marzo do ano pasado.

"Hai un agravamento da situación e probablemente teremos que adoptar medidas máis restritivas a partir da próxima semana", avisou.

Con dez millóns de habitantes, Portugal suma un total de 7.472 mortes e 456.533 casos de coronavirus desde que empezou a pandemia, que se acelerou tras o período do Nadal. As cifras que o reflicten coñecéronse nos últimos dous días, os dous peores da pandemia: o mércores foi o récord, con 10.027 positivos, e hoxe vívese a segunda peor xornada, con 9.927 casos notificados.

As cifras son tamén avultadas en falecidos, con 91 mortes este mércores e 95 hoxe (o récord nun día da pandemia foron os 98 falecidos rexistrados o 13 de decembro), e os hospitais empezan xa a verse ao límite.

Costa admitiu que no Goberno esperaban un aumento de casos como consecuencia do Nadal -período en que se relaxaron todas as restricións no país, para endurecerse en Noitevella- pero que o nivel de 10.000 contaxios acende unha alarma que levará a medidas máis duras.

O primeiro ministro non avanzou cales serán, pero foi cuestionado sobre un posible confinamento similar ao de marzo, no que se podía saír apenas para traballar -se non era posible o teletraballo- ir ao supermercado e a farmacia, e sostivo que era un "escenario probable" se este novo nivel de casos non descende.

"Os números de onte e hoxe son claramente distintos", dixo Costa, para quen a liña vermella é non trastornar a actividade educativa, "como aconsellan os especialistas". Polo momento, esta fin de semana haberá toque de queda a partir da 13.00 nos municipios nos que nos últimos 14 días a incidencia fose de máis de 240 casos de covid por 100.000 habitantes.

É un agravamento deste toque de queda, que ata o de agora se aplicaba en municipios cunha incidencia superior a 480 casos. Así, só 25 municipios de todo Portugal non terán este toque de queda, ao que se une a prohibición de circular entre municipios.

As eventuais novas medidas non chegarán ata o vindeiro martes, cando haberá unha reunión cos especialistas sobre a situación epidemiolóxica na que xa haberá datos que permitan indicar se estes niveis dos últimos dous días se manteñen. Antes dese día, Costa reunirase con representantes dos partidos políticos para empezar a expor posibles medidas que teñan o maior consenso posible.