CRTVG

Buscar

Portugal abre este sábado as súas fronteiras con Galicia

Publicado o 29/04/2021 21:40

• Galicia continúa con peche perimetral, polo que non estará permitido atravesar a raia sen un motivo xustificado 

• A apertura facilitará a actividade dos traballadores transfronteirizos

EFE

Portugal acaba de comunicar que as fronteiras con Galicia abrirán este sábado 1 de maio. Así o anunciou o primeiro ministro António Costa tras tres meses de peche que provocaron perdas millonarias ás empresas da raia, que levaban semanas pedindo que se levantasen as restricións. Estas deixarían de ter vigor canda o estado de emerxencia, que tamén finaliza o venres á noite.

A decisión tómase por mor dos bos datos da pandemia, que permitirían abrir fronteiras e continuar cara ao final da desescalada despois de máis de tres meses con esas fortes restricións.

Aínda que Portugal abra as fronteiras, Galicia continúa con peche perimetral, que non permitiría pasar ao país veciño se non é por un motivo xustificado, pero a eliminación das restricións facilitará notablemente a actividade dos traballadores transfronteirizos. A apertura será ben recibida na fronteira, onde as autoridades políticas e civís, ademais do sector empresarial, insistiron durante os últimos meses en que esta medida estaba a afogar a economía das súas rexións.

Avanza a desecalada

Será o último alivio ás restricións que se impuxeron desde o 15 de xaneiro, cando o Goberno decretou o confinamento ante unha durísima terceira onda que chegou a colocar a Portugal como o país do mundo con maiores índices de contaxios e mortes. Co aval dos epidemiólogos, Portugal deixa atrás mesmo o estado de emerxencia, e desde o 1 de maio pasará ao de calamidade, un chanzo menor. Aínda así, o primeiro ministro deixou un aviso: "O deber cívico de confinamento continúa. Todos debemos evitar os contactos que non sexan necesarios para que a pandemia non volva empeorar".

Este 1 de maio acábanse as restricións horarias á restauración, que as fins de semana só podía abrir ata as 13:00, e, como demandaban os hostaleiros, pasará a pechar ás 22:30 todos os días, do mesmo xeito que as salas de espectáculos e eventos culturais. Tamén aumentará o número máximo de comensais permitidos por mesa, ata dez en terrazas e seis no interior dos establecementos.

Amplíase o horario comercial os sábados e domingos, increméntase a ocupación máxima das vodas e bautizos ata o 50 % e estarán autorizadas todas as modalidades deportivas, incluso as de alto risco de contacto, como as artes marciais ou o rugby. Os ximnasios, que reabriron o pasado 5 de abril, recuperarán as súas clases grupais.

A pesar do desconfinamento, mantéñense algunhas limitacións: o teletraballo seguirá sendo obrigatorio ata finais de ano e prohíbese o consumo de alcohol na vía pública. Ademais, os restaurantes só poderán servir bebidas alcohólicas coas comidas e os bares e discotecas continúan pechados, sen previsión de cando poderán abrir.