CRTVG

Buscar

PortAmérica, primeiro festival que se vai beneficiar da desescalada no sector cultural

Publicado o 24/09/2021 11:35

Xa está no DOG e ás doce desta noite entrará en vigor a ansiada desescalada no sector cultural. En liñas xerais, permite levar as ocupacións nos locais ata o 75 % e programar eventos ao aire libre de ata 5.000 persoas.

O primeiro festival que aproveitará esta relaxación normativa non se fará esperar nin sequera unha semana. O 1 e 2 de outubro, a Azucreira de Portas acollerá a novena edición de PortAmérica, coa nova normativa que permite xa a desescalada no sector musical. Poderase estar de pé, con máscara, con dous metros de distancia e as entradas van ser nominativas para facilitar os rastrexos.

Cris, da organización, explica ademais que o recinto estará sectorizado. Haberá entradas, servizos e barras individualizadas en cada sector-burbulla, e unha zona gastronómica común. Pódese estar de pé, con máscara, con dous metros cadrados por asistente e entradas nominativas para facilitar os ratrexos.

Dende a Federación de Música lembran que é unha actividade económica moi transversal, que arredor da organización de cada concerto hai centos de persoas implicadas de moi diversas profesións, que levaban tempo remando, programando sen apenas beneficios para que a actividade non esmorecese.

"Tendo en conta que a cultura dentro do confinamento foi unha das disciplinas que nos salvou a todos nas casas, que sería de nós sen unha canción, sen un libro, sen unha serie, sen unha película... pois a cultura témola que coidar entre todos e todos temos que facer que a actividade volva á normalidade, non?", di Kin Martínez, director de PortAmérica e da Federación de Música de España.

Sobre as táboas do Salón Teatro, en Santiago, represéntase unha función do Centro Dramático Galego. Conseguiron, non sen esforzo, manter 40 funcións e agora celebran o novo paso cara á normalidade.

"Creo que a xente ten que seguir vindo ao teatro, saber que hai moita oferta cultural e que cada vez tentaremos ter máis oferta e que a demanda desa xente fai que poidamos ofertar máis proxectos culturais e máis espectáculos. Que veñan, que nos acompañen porque o teatro faise para a cidadanía", engade Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego.

Noticias web

24/09/2021