CRTVG

Buscar

Día Internacional das Linguas de Signos: 'Pola inclusión real do alumnado xordo'

Publicado o 23/09/2021 11:56

Esta é a semana das persoas xordas e hoxe celébrase o Día Internacional das Linguas de Signos. A pandemia foi algo moi duro para o colectivo das persoas xordas, xa que a maior barreira que atoparon foi o incremento no número de atencións telefónicas e en liña.

Segundo manifestou Iker Sertucha, presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, nunha entrevista no informativo Bos días, iso repercutiulles moito porque non podían xestionar con normalidade as súas necesidades. Sertucha destacou que superaron as barreiras que atoparon durante a pandemia, sobre todo coa certificación das máscaras transparentes, unha petición do colectivo de persoas xordas.

Os estudantes xordos, no anterior curso coas clases telemáticas, tiveron tamén moitas dificultades pola faltaba de intérpretes. Por iso, o lema deste ano é 'Por unha inclusión real para o alumnado xordo' e segundo destacou Sertucha "imos facer reivindicacións para que sexa efectiva, plena e real esa inclusión do alumnado xordo no eido educativo". Queren que os centros escolares conten con todos os recursos necesarios como intérpretes de lingua de signos ou a adaptación dos contidos con subtítulos.

Hai máis de 300 linguas de signos diferentes e a lingua de signos catalá e a española son dúas das recoñecidas. Iker Sertucha referiuse á língua de signos de galega e afirmou que "pouco se avanzou" porque hai que facer un traballo profundo onde se estuden os parámetros lingüísticos, a gramática ou a sintaxe da lingua.

Na nosa comunidade hai máis de 28.250 persoas xordas, pero o colectivo é moito maior.

Noticias web

23/09/2021