CRTVG

Buscar

Por un mar sen lixo, guía de boas prácticas da confraría de Vilanova de Arousa

Publicado o 11/01/2021 14:06

As organizacións ecoloxistas e expertos ambientais veñen advertíndoo desde hai moito tempo, a acción do home está degradando gravemente o medio natural e, moi especialmente o mar, que estamos convertendo nun vertedoiro. Axudar a reverter esa situación é o obxectivo dunha iniciativa da confraría A Pastoriza, de Vilanova de Arousa, unha guía de boas prácticas ambientais dirixida aos que viven directamente do mar, pero tamén ao conxunto da sociedade.

"O consello máis grande que damos aquí é que non se tire nada ao mar, nin ao mar nin a ningún lado porque o que se tira á rúa chega ao mar".

A guía parte do principio básico de que para protexer o medio o mellor é non contaminar.

Está estruturada en varios niveis adaptados aos distintos colectivos aos que pretende chegar, desde profesionais da pesca e o marisqueo aos do sector turístico, e ofrece unha serie de consellos prácticos para manter limpo o ámbito mariño.

"Con debuxos para que a xente vexa o noso traballo e tamén a maneira que temos nós de recoller para que intenten eles facelo tamén".

Cando a situación sanitaria o permita, os dous mil folletos e trípticos elaborados para esta campaña serán repartidos entre os colexios da comarca arousá.

A confraría de Vilanova de Arousa acaba de editar unha guía de boas prácticas ambientais dirixida aos que viven directamente do mar, pero tamén á sociedade en xeral para concienciarnos da necesidade de coidar a nosa contorna e reducir o lixo que chega ao mar.

A guía, que se vai repartir nos colexios da comarca, ofrece moitos consellos prácticos, desde evitar na medida do posible utilizar produtos de plástico en xeral ata recoller o lixo tirado para que non acabe no mar.

Noticias web

11/01/2021