Pontón pensa que a "esquerda debe facer unha reflexión" tras os comicios de Madrid
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, considera que as eleccións na Comunidade de Madrid constatan un avance da "dereita trumpista", pero tamén que "a esquerda no Estado español debe facer unha reflexión".
Segundo dixo en conferencia de prensa, os resultados electorais destes comicios "deixan en evidencia o desencanto cando a esquerda non cumpre as súas promesas". Neste sentido, considera que castigan os partidos que non levaron a cabo a derrogación da reforma laboral ou da lei mordaza, entre outras.
Na súa opinión, "o que ten que facer a esquerda é política de esquerdas e cumprir os compromisos" que adquiriu coa cidadanía porque "o que vemos é que hai un desgaste" no seu electorado. "O Goberno actual debería tomar nota", sentencia.
En todo caso, a líder nacionalista fai un "recoñecemento, desde a distancia", á figura do exvicepresidente do Goberno e candidato de Unidas Podemos nas eleccións da Comunidad de Madrid, Pablo Iglesias, tras anunciar que deixa a política.
Ana Pontón pensa que o cambio de liderado e unha "reflexión en profundidade" supoñen un reto para Podemos, pero que "pode ser bo para o futuro" do Estado.
"Preocupada" polo ascenso dunha "dereita trumpista e herdeira do franquismo" coa "versión máis ultra de PP", avoga por non "extrapolar" os resultados de Madrid ao resto do territorio.