Pontón lamenta que Feijóo "pretenda ser pioneiro en acurrunchar o galego"

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, tachou de "lamentable" a postura crítica que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén respecto da emenda educativa sobre a cuestión lingüística no ensino coa que, dixo, parece que quixera ser o "pioneiro" en acurrunchar o galego.
O Grupo Parlamentario Popular en Galicia presentou unha proposición non de lei na Cámara para demandar un posicionamento que deixe claro o "rexeitamento" á coñecida como Lei Celáa respecto de calquera modificación que posibilite que galego ou castelán deixen de ser vehiculares no ensino.
En opinión da líder do BNG, "é evidente que hai unha gran mentira por parte da dereita" que tenta, engade Pontón, impoñer unha versión errónea sobre a situación das linguas oficiais no Estado e dicir que "o español está perseguido", algo que é "unha auténtica falacia". Se algún idioma está minorizado "é o galego", asegura.
Por iso, cuestiona a Xunta e o seu presidente e pregúntalle "canto galego" pretende recortar en educación, en sanidade ou nos medios de comunicación.
A líder da oposición en Galicia entende que non é a primeira vez que o idioma galego sofre unha discriminación por parte de Núñez Feijóo, que xa foi "un pioneiro en asfixiar o galego" en 2009 facendo da lingua unha arma política.
Pontón lamenta que agora o xefe do Executivo autonómico pretenda ser o "pioneiro da dereita e da extrema dereita en acurrunchar o noso idioma".