CRTVG

Buscar

Pontón di que Feijóo pensa Galicia "en pequeno" e Caballero acúsao de ser un "Pablo Casado bis"

Publicado o 13/10/2021 14:51
AXENCIAS

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, tras escoitar a intervención do presidente da Xunta,  opinou que Feijóo "pensa en pequeno" e sempre "a favor" do PP e dos "lobbies", polo tanto, en contra dos galegos.

Na súa valoración, a líder nacionalista afeoulle que persista nesta actitude "xusto no momento en que necesitamos pensar Galicia en grande" e recriminoulle que co seu comportamento a faga "máis pequena" en industria, emprego, innovación, servizos públicos, ciencia, e mesmo en poboación, enumerou.

Pontón dixo que non entende que Feijóo falara de moderación en política, sendo un dirixente catalogado como "un militante destacado dun Partido Popular que é o PP máis ultra da historia" por, afirmou, cuestionar tanto a autonomía como a lingua propia e por defender un centralismo "que é letal".

Sobre o contido do discurso do mandatario autonómico, a líder do Bloque asegurou que "se repiten promesas" e xorden "anuncios, moitos deles propagandísticos, que quedan en nada ou case nada", á parte de que, unha vez máis, "busca culpables" fóra de situacións que se viven.

Para Ana Pontón, Núñez Feijóo é "incapaz de levantar o país", pola súa "conivencia" coas eléctricas, a cal constata ao non escoitar "ningunha soa medida" referente ao abaratamento do recibo da luz, e cos "consellos de administración", como o da pasteira Ence, por "seguir defendendo unha prórroga ilegal" da fábrica de celulosa na ría de Pontevedra.

Respecto á pandemia, lamentou ter que escoitar "valoracións dolorosísimas", que resumiu en falar de "cifras" con todo o que ocorreu nesta crise sanitaria.

Outro penar atopouno na mocidade, pois o "transporte gratis" soa, se cabe, sen outros acompañamentos, "desolador", cando este colectivo o transporte que está a desexar é o "de volta" con oportunidades no seu país para non ter que emigrar.

"Crear un gran país se pensamos Galicia ao grande é posible", pechou Pontón, pero iso pasa por poñer a Galicia "no centro", sen abrazar outros "intereses". "Hai esperanza se cambiamos o rumbo", resolveu.

Caballero acusa Feijóo de ser "un Pablo Casado bis"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou tras a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que o presidente da Xunta prefire ser "un Pablo Casado bis" antes de gobernar Galicia e exercer as súas competencias.

"Feijóo converteuse hoxe no portavoz de Pablo Casado na sede parlamentaria galega, buscando confrontar en todos os ámbitos, co Goberno de España e non dando resposta aos problemas dos galegos e galegos alí onde ten competencias", declarou Caballero.

Ademais, o representante do PSdeG acusou a Feijóo de non aproveitar "a inxente cantidade de fondos" que chegaron á comunidade durante a pandemia de covid-19 e de "non estar á altura" das circunstancias.

"O único que fixo hoxe Feijóo foi tentar ser líder de oposición fronte a Pedro Sánchez desde o Parlamento de Galicia e competir con Casado para tentar confrontar co Goberno de España", remarcou.

Ademais, Caballero reivindicou as propostas do PSdeG e un proxecto "alternativo" ao Goberno conservador da Xunta e asegurou que para saír da crise derivada do coronavirus son necesarias "políticas progresistas e de esquerda", opinou.

"Vemos como está a sanidade pública e Feijóo di que todo está ben, cando a realidade é que en todas as áreas sanitarias hai listas de espera na atención primaria", asegurou.

Respecto á educación, Caballero criticou o despedimento por centos de profesores ao comezo do curso escolar, e sobre as políticas sociais acusou a Feijóo de "non ter propostas nin medidas para evitar a crecente desigualdade que implica a crise", subliñou.

"Cando vemos as crises industriais atopámonos cun presidente da Xunta que bota balóns fóra e que se exime de calquera responsabilidade cando ten todas as competencias", estimou Caballero, que tamén dixo que carece de propostas para estimular a xeración de emprego.

Pedro Puy: "Discurso moderado, de man tendida"

Pola súa parte, desde as filas do PPdeG loaron o discurso do presidente da Xunta. Para Pedro Puy, voceiro dos populares na cámara do Hórreo, Feijóo fixo un "discurso moderado, de man tendida e dialogante".

Na valoración tras esta primeira fase do debate, Puy destacou as palabras do presidente sobre a "satisfacción de ver luz ao final do túnel" na pandemia e, por conseguinte, a ratificación de que a semana que vén se vai levantar o estado de emerxencia sanitaria en Galicia, que leva 19 meses activo.   

Puy subliñou tamén o balance da súa xestión, con conclusións para o futuro como "seguir mellorando" ámbitos como a sanidade. Respecto diso, anunciou a oitava área sanitaria centrada na innovación tecnolóxica, así como "importantes anuncios" vinculados á atención primaria ou ás residencias de maiores.   

Do mesmo xeito, o portavoz popular fixo fincapé no anuncio da gratuidade das escolas infantís a partir do próximo curso e desde o primeiro fillo ou o plan de choque en dependencia como outros dos alicerces da intervención do presidente autonómico.   

"Aprendeuse da crise para continuar no que o Goberno (galego) ten competencias para facer, que é mellorar a vida dos galegos", destacou o dirixente popular, quen se fixou en que a segunda "gran achega" do debate versa no ámbito económico.   

"Ábrese unha esperanza de transformación de Galicia, de continuar avanzando nos éxitos dos últimos anos, para que se poida garantir unha Galicia mellor para os que nos suceden", proclamou.

Noticias web

13/10/2021