CRTVG

Buscar

Pontón advírtelle a Feijóo que "non se precipite" na Semana Santa para evitar os "erros" do Nadal

Publicado o 08/02/2021 13:05
Pontón advírtelle a Feijóo que "non se precipite" na Semana Santa para evitar os "erros" do Nadal

A voceira do BNG, Ana Pontón, reclamoulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "non se precipite" cara á Semana Santa para "non cometer os mesmos erros" que durante o Nadal, cando as reunións familiares foron autorizadas, tras o que se orixinou a terceira onda da pandemia de coronavirus.

A líder da oposición no Parlamento de Galicia lamentou as cifras record acadadas en contaxios, presión hospitalaria e mortes por covid no mes de xaneiro na comunidade, e chamou a "non baixar a garda".

Pontón demandou "pasos firmes e seguros" na xestión da covid, tras o que considerou o "tremendo erro" que cometeu Núñez Feijóo "cando dixo que había que salvar o Nadal". Por iso pediu que "ninguén queira acelerar os ritmos".

Tamén pediu un reforzo da Atención primaria, que ten, segundo dixo, "menos recursos que hai 12 anos". Ademais, reclamou tamén "un plan de continxencia" do Servicio Galego de Saúde para patoloxías non covid, porque, dixo, "as listas de espera non paran de medrar" e hai, ao seu entender, unha "deterioración da saúde da poboación".