O concello de Pontevedra retira o nome do rei emérito do seu rueiro

O Concello de Pontevedra materializou este venres o acordo plenario de retirar todas as honras ao rei emérito, Xoán Carlos I, entre elas o nome dunha das súas principais avenidas.
As antigas placas desta rúa quitáronse e substituíronse por outras co nome de Virxinia Pereira Renda, esposa de Castelao e garante do seu legado artístico e político.
Durante un acto simbólico, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, gabou a "insistencia" de Virxinia para que a maior parte da obra artística do intelectual galeguista estea depositada no Museo Provincial.
Segundo o rexedor, resulta "cada vez máis obvio" que Xoán Carlos I é unha persoa que "non merece ningún tipo de recoñecemento público".
A corporación municipal aprobou a nova denominación como avenida Virxinia Pereira Renda o pasado mes de febreiro, co apoio do BNG e do PSdeG-PSOE e cos votos en contra do Partido Popular e do edil non adscrito, ex de Ciudadanos.