CRTVG

Buscar

Pontevedra esíxelle á Xunta medir os niveis de mercurio na ría

Publicado o 14/04/2021 17:19
Pontevedra esíxelle á Xunta medir os niveis de mercurio na ría

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, esixiulle á Xunta de Galicia que mida os niveis de contaminación por mercurio na ría, tras coñecérense posibles filtracións desde o complexo industrial que compartían Ence e Elnosa.

Informes internos de Ence, divulgados este mércores por elDiario.es, alertan de que a presenza de  mercurio nas augas subterráneas do complexo é "cada vez máis elevada" e advirte das consecuencias que pode ter sobre a ría e a saúde da cidadanía.

A compañía pasteira, en todo caso, sinala á cloreira  Elnosa, en pleno proceso de desmantelamento das súas instalacións, como a responsable destas verteduras tóxicas.

Fernández Lores asegurou estar "moi preocupado" por esta situación de "contaminación grave", polo que avanzou que o Concello de Pontevedra reclamará que se adopten as "medidas pertinentes" para evitar estas filtracións.

Tras sinalar que este episodio é unha "nova mostra" de que o complexo industrial "se ten que trasladar" porque é unha "bomba de reloxería", o alcalde de Pontevedra apuntou que "indiscutiblemente" ese mercurio acabará na ría.

Por iso, o rexedor pontevedrés insta aXunta a que mida o nivel de mercurio nos terreos do complexo industrial, na depuradora situada ao seu lado e na propia ría e que aclare "se se produciron filtracións á cadea trófica" a través da inxesta por parte de animais. "Xa está ben de poñer escusas e de non tomar medidas", censurou.