Pontevedra pasa ao grao medio de restricións; Carnota e Sarria no nivel alto
• Cambre, Castroverde, Oia, Barro, Cambados, Poio, Vilaboa e Vilanova de Arousa compartirán nivel coa cidade do Lérez a partir do sábado
As restricións de nivel alto para facer fronte á propagación do coronavirus estarán vixentes nos municipios de Carnota e Sarria, onde se detectaron senllos gromos de coronavirus; Pontevedra é a única das grandes cidades que estará desde o vindeiro sábado en nivel medio.
Pontevedra é a área sanitaria máis afectada polo gromo orixinado entre estudantes que viaxaron a Mallorca, posto que concentra 85 dos 108 positivos detectados ata o momento en Galicia. Permanecerá tamén con restricións medias o concello lindeiro de Poio, en cuxo nivel estarán tamén desde a medianoite do próximo sábado os municipios pontevedreses de Vilaboa, Vilanova de Arousa, Cambados, Barro e Oia.
Pola súa banda, o municipio coruñés de Cambre e o lucense de Castroverde seguirán unha semana máis no nivel medio de restricións, que implica que a hostalaría só pode ocupar o 30 % das prazas en interiores e a metade en terrazas. Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo, que permite unha ocupación total das terrazas e a metade da ocupación interior.
En canto aos municipios con restricións altas, que supoñen que os locais de hostalaría deben ter pechado o seu interior e só empregar o 50 % das prazas das terrazas, Sarria xa estaba neste nivel desde o pasado sábado, despois de que se detectase un gromo de covid−19 con máis de 30 positivos, orixinado nunha reunión familiar.
Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde detectou un gromo de covid−19 con preto dunha vintena de casos positivos orixinado nunha festa de mozos na parroquia do Pindo, do municipio de Carnota.