CRTVG

Buscar

Ponte do Pilar: ocupacións por riba do 80 % en balnearios e casas rurais do interior

Publicado o 07/10/2021 15:00

Boas perspectivas para a ponte no interior de Galicia. Na Ribeira Sacra, calculan unha ocupación media do 82 % e xa hai casas co cartel de completo. Nos balnearios, Caldaria rexistra xa cifras superiores ao 90 %.

Estes dous leoneses xa se adiantaron á ponte: "Gústanos moito o ambiente, o descanso, a tranquilidade". "Ademais, tiñamos moitas ganas de viaxar, despois de dous anos sen viaxar nada".

Os balnearios de Caldaria están xa ao 90 % e seguen chegando reservas. A maioría turismo de proximidade.

Alberto Canal, director de comunicación de Caldaria: "O noso público é fundamentalmente de Galicia, pero en periodos vacacionais e pontes, tamén aumenta o público de zonas de proximidade, como Castela León e Asturias".

Os mesmos perfís atopámolos nas casas de turismo rural. "Fai falta saír e despexar un pouco a mente", comenta unha turista. Aquí están ao 100 por cento. Xa non admiten reservas.

Contan con seguir así o resto da temporada, coma no verán. Un bo ano que, malia todo, non compensa o anterior. Xurxo González, Casal de Armán: "Iso é irrecuperable, foi un ano perdido que non se dá compensado. Pero será un bo ano a partir de agora".

As perspectivas son boas tamén na Ribeira Sacra. O Consorcio de Turismo calcula unha ocupación media do 82 por cento fronte ao 70 do ano pasado.

Noticias web

07/10/2021