CRTVG

Buscar

Macrorredada en varias cidades galegas, cunha decena de detidos

Publicado o 27/04/2021 11:25

Ducias de axentes da Garda Civil e Policía Nacional especializados en narcotráfico rexistraron durante todo este martes numerosos locais do Salnés. Un deles foi nun chalé de Cambados. Os rexistros comezaron de madrugada e de xeito simultáneo en Sanxenxo, Ribadumia e na Illa de Arousa. Neste edificio da Illa houbo ademais un detido.

Tamén houbo rexistros en tres locais de Vigo. Nesta cidade arrestaron polo menos dúas persoas. Crese que unha delas é un avogado condenado o ano pasado por tráfico de heroína e que estaba pendente de ingresar no cárcere.

Os axentes entraron ademais nesta vivenda unifamiliar na parroquia de Mougás, en Oia. E tamén houbo rexistros no Porriño, na Cañiza e en Tui.

Polo de agora sábese que houbo uns dez arrestos. Pero non se descartan máis detencións nas vindeiras horas.

Esta macrooperación podería ter orixe na incautación dun alixo de heroína o ano pasado en Ferrol.

A causa, coordinada por un xulgado de Cambados, está declarada secreta. Agárdase que os detidos pasen este xoves a disposición xudicial.

 

Noticias web

27/04/2021