CRTVG

Buscar

Morren polo menos sete civís afgáns ante a entrada do aeroporto de Cabul

Publicado o 22/08/2021 21:02

Os disparos efectuados por talibáns e polos soldados que defenden o aeroporto de Cabul, xunto coas avalanchas ocasionadas polos mesmos, deixaron tras de si polo menos sete civís afgáns mortos, segundo o Goberno británico. Os falecidos, e varios miles de persoas máis, trataban de entrar como fose no aeroporto para subir a calquera avión que lles permitise fuxir de Afganistán.

Algunhas fontes árabes din que os mortos son moitos máis, pero o caos que domina a zona e a falta de datos oficiais impiden comprobar esta información. Por se a situación fose pouco complicada e perigosa, o Goberno dos Estados Unidos alertou este domingo de que a ameaza dun ataque terrorista do Estado Islámico contra os miles de persoas que rodean o aeroporto é real e persistente.

Polo momento, a xigantesca operación de rescate prosegue, e xa lle permitiu a saída do país a máis de vinte mil persoas. O problema máis grave téñeno os colaboradores afgáns das tropas norteamericanas e do resto da OTAN, que non poden arriscarse a cruzar unha cidade chea de controis talibáns, polo que algúns traslados estanse realizando con helicópteros de combate. Dada a magnitude da evacuación, o mais probable é que se estenda máis aló do previsto día trinta e un.

Mentres, os talibáns manteñen o control da cidade de Cabul, onde os seus dirixentes negocian a formación dun novo goberno de reconciliación, ofrecendo a amnistía xeral ao mesmo tempo que advirten da restauración da sharía ou lei islámica. O intento de formar un goberno recoñecido pola comunidade internacional, que lles permita recibir axudas, convive coa detención de opositores e a perda dos dereitos conseguidos polas mulleres.

De todos os xeitos, a vitoria militar dos talibáns non implica a fin da guerra, xa que nunca conseguiron entrar na provincia do val de Panjshir, onde este home, Ahmad Masou, fillo do líder histórico ca zona, dirixe os milicianos que aseguran que xa reconquistaron algunhas vilas en mans dos talibáns.

Noticias web

22/08/2021