CRTVG

Buscar

Permanece ingresado na unidade de queimados o home ferido en Vilagarcía ao estoupar un quentador

Publicado o 09/03/2021 13:59

• O pai, de 55, foi trasladado en estado grave ao CHUAC

• A muller e o fillo, feridos leves

Un veciño de Vilagarcía que quedou ferido polo estoupido dun quentador de gas permanece ingresado na unidade de queimados do Complexo Hospitalario da Coruña. A explosión arrincou varias ventás da vivenda, que quedou moi danada. Os outros veciños do edificio puideron pasar a noite nos seus fogares. 

Francisco Javier Guillán Busto, xefe do Servizo de Emerxencias de Vilagarcía: "A vivenda dispoñía de gas propano. Por causas que se descoñecen, puido haber unha fuga de gas, unha acumulación e unha explosión provocada por algunha fonte de ignición dentro da vivenda. Ás veces nin fai falta que se active ningún interruptor".

No piso viven un matrimonio e o seu fillo. O home foi o que saíu peor parado. Trasladárono en helicóptero ao hospital da Coruña, onde permanece ingresado na unidade de queimados. Ao parecer era o que estaba máis preto do quentador. A muller atopábase noutro cuarto e o fillo non estaba na vivenda.

O Concello de Vilagarcía ofreceulles un aloxamento mentres non reparen a casa. Os outros residentes no edificio puideron volver aos pisos despois de que o arquitecto municipal e os técnicos do gas e da luz revisaran os danos. 

O persoal de emerxencias lembra o importante que é ter os aparellos de gas revisados como marca a normativa.