CRTVG

Buscar

Polo menos 20 mortos e 49 hospitalizados ao caer unha ponte en Cidade de México

Publicado o 04/05/2021 09:19
Polo menos 20 mortos e 49 hospitalizados ao caer unha ponte en Cidade de México

Polo menos vinte persoas morreron e outras corenta e nove están hospitalizadas ao esborrallarse esta noite unha ponte da vía elevada da liña 12 do Metro de Cidade de México entre a estación Olivos e Tezonco sobre o que circulaba un tren con varios vagóns.

Segundo informa a axencia EFE, "Ata o momento, nunha cifra preliminar hai preto de 70 feridos que están a ser trasladados a diferentes hospitais", apuntou nunha mensaxe en twitter a Secretaría de Xestión Integral de Riscos e Protección Civil da capital. 

Nun vídeo das cámaras do sistema de vixilancia do Goberno da Cidade de México obsérvase como a estrutura elevada rompe ao paso do tren, que se esborralla desde unha altura duns 20 metros, e dous vagóns do convoi quedan en "V" e esmagados contra o chan. A instalación forma parte da ponte do metro construído durante a administración de Marcelo Ebrard.