CRTVG

Buscar

Policías locais de Pontevedra bótanse ao Lérez para deter un prófugo

Publicado o 12/01/2021 14:04

O leito do Lérez ao seu paso pola ponte dos tirantes foi na tarde deste luns escenario dunha acción da Policía Local para deter un veciño de Pontevedra, de 25 anos de idade, sobre o que pesaba unha orde de busca e detención. Ía nun coche e cando o detectou unha patrulla da local reaccionou así.

José Manuel Duarte, inspector principal xefe da Policía Local de Pontevedra, explica que o o mozo "saltou do coche, botou a correr, fuxiu. Tirou con dous policías da carreira e non se sabe con que fin tirouse ao río para evitar ser capturado. Estaba moi agresivo, moi violento e ameazando con que se alguén baixaba por el que o ía afundir. É unha persoa coñecida, moi forte, violento en ocasións e para evitar males maiores chamamos os bombeiros que viñeran cunha lancha".

Ante a baixa temperatura ambiental e da auga tamén chamaron unha ambulancia cun médico polo risco de hipotermia do fuxitivo. En vista de que o mozo non saía tras máis dunha hora de razoamentos, o xefe da Policía Local, acompañado de tres axentes, metéronse no río e así convencérono para colocarlle as esposas.

"Metémonos no río e falando con el decidiu que esa situación non levaba a nada. Sen ningún tipo de violencia facilitou o seu engrilletamento e sacámolo do río, practicouse a detención e trasladouse aos calabozos do Corpo Nacional de Policía, supoño que hoxe pasará a disposición xudicial".

O xefe da policía sostén que o detido cedeu porque a friaxe xa facía mella no corpo, a pesar da súa fortaleza física. Duarte quítalle relevancia así á súa capacidade de convicción: "Foi unha detención cordial, por dicilo de algún xeito. Sen forza e sen máis trancendencia", e tamén a primeira que efectúa metido no leito do río.

Noticias web

12/01/2021