Polémicas declaracións do xuíz que tombou o peche da hostalería vasca
O Goberno vasco descarta, por agora, recusar o xuíz que autorizou abrir os bares en Euskadi e menosprezou os epidemiólogos e as medidas contra a covid−19. Este colectivo de profesionais, dos que saíu en defensa Fernando Simón, esixen unha rectificación ao maxistrado. El asegurou que esas declaracións se produciran "no fragor dunha tertulia".
Detrás da controvertida apertura da hostalería vasca está este xuíz, Luis Ángel Garrido, presidente da sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, que foi quen tombou o peche de bares e restaurantes. Un día antes de que se fixera público o auto o luns, nunha tertulia radiofónica o maxistrado definía con estas palabras o que é un epidemiólogo: "É un médico de cabeceira que fixo un cursiño", asegurou.
En defensa destes profesionais sanitarios e da súa formación saía onte a secretaria de Estado de Sanidade. Na Sociedade Española de Epidemioloxía esixen unha rectificación.
O xuíz Garrido tamén opinou que as medidas adoptadas en España, confinamentos, restricións, non difiren das que se daban na Idade Media. Tras a controversia xerada, recoñecía que probablemente algunhas das súas frases non foran correctas. Respondeulle Fernando Simón que se adoptarán as medidas que faga falta sexan da época que sexan.
Na defensa do maxistrado vasco saiu o xuíz decano de Bilbao que enmarca as súas declaración na liberdade de expresión.
Os servizos xurídicos do Goberno vasco estudan recusar o xuíz ao dubidar da súa imparcialidade, inda que de momento non van tomar esa acción. Agora están sopesando se recorren contra o auto que autorizou abrir os bares. A decisión coñecerase hoxe.