CRTVG

Buscar

Polémica sobre a vacinación nas empresas: só unha orde xudicial podería obrigarnos

Publicado o 01/12/2020 14:52

Aínda non hai data exacta para a chegada da vacina e hai quen xa conta con ela. "Eu son traballador esencial, co cal dou por feito que me vou vacinar e quero, ademais".

Pero a polémica está servida arredor de se as empresas poden obrigar os traballadores. "Non creo que poidan facelo nin creo sequera que deban". "Eu creo que é un pouco arriscado coaccionar a xente a vacinarse obrigatoriamente". "Non ten por que a emprega obrigarme a vacinarme, eu creo que vai en contra dos meus dereitos".

Na rúa apostan pola voluntariedade. "Obrigar non creo, pero recomendar si". "Debería ser voluntario porque aínda hai xente con medo a como van ser as vacinas".

Pero tamén quen avoga polo benestar xeral. "Vacinarse no peor dos casos non supón nada malo porque está todo moi estudado e eu creo que debemos poñer a saúde de todos por encima da propia".

Polo momento, a nivel legal non se podería facer, ou se modifica a normativa existente ou é un xuíz quen ordena esa obrigatoriedade. A cousa cambia se a empresa o pon como requisito á hora de contratar novos empregados.

"Se non es traballador da empresa, estás un pouco desprotexido en tanto que non hai relación laboral, pero en todo caso esas esixencias deberían estar xustificadas en relación co posto de traballo que se vai desempeñar", sinala a avogada Ana Camiño.

En todo caso, as vacinas deberán ter antes a aprobación da Axencia Europea do Medicamento.

Noticias web

01/12/2020