CRTVG

Buscar

Polémica PSOE-PP na precampaña madrileña arredor das prazas de Colón e Callao

Publicado o 04/04/2021 14:56

Pedro Sánchez retornou hoxe á precampaña e destacou que Madrid non quere un goberno marcado polo "odio, a utradreita e a corrupción". O líder socialista apostou pola sanidade pública de calidade, a educación pública equitativa e as políticas sociais activas. Fixo un chamamento a todos os progresistas madrileños para "frear o goberno de Colón".

"Iso é o goberno da praza de Colón: inxustiza social, corrupción, demagoxia, ultradereita e transfuguismo. Por iso o 4 de maio o verdeiro dilema, a única disxuntiva é un goberno serio con Ángel Gabilondo á cabeza ou o goberno da praza de Colón durante os próximos dous anos", sinalou Sánchez.

Desde o PP, o seu voceiro nacional, Martínez-Almeida, asegurou que Pedro Sánchez é quen dirixe a campaña de Gabilondo e quen determina o que ten que dicir. Sinalou que Gabilondo é o candidato calado, ou "callao" en alusión á pancarta xigante despregada polo PSOE na praza de Callao, e aludiu ao que agocha o candidato socialista en educación, sanidade e impostos.

"O que están calando tanto Ángel Gabilondo como Pedro Sánchez é que, por suposto, van subir os impostos, que ninguén o dubide, é que por suposto co tema da educación van acabar coa liberdade dos pais para poder elixir a educación dos seus fillos, van acabar tamén coa libre escolla de médico que hai na comunidade de Madrid", explicou Almeida.

Pablo Iglesias protagonizou un acto a favor dunha "vivenda digna" e dixo que a dereita xoga co efecto desmobilizador da esquerda cando se "dan de cóbados" entre eles. Por iso, asegurou que non vai falar mal de candidatos de esquerdas e que o grande obxectvo é vencer a abstención.

Noticias web

04/04/2021