Polémica porque o rei Filipe non asistirá á entrega de despachos aos novos xuíces en Barcelona
É un dos días grandes para o Poder Xudicial. A entrega de despachos aos novos xuíces marca a entrada dunha nova promoción nun dos 3 poderes do Estado. Desde 1997, e agás o ano pasado, celébrase en Barcelona, sede da Escola Xudicial. E nestes 22 anos, sempre o rei presidiu a entrega do diplomas. A do venres non ía ser distinta: nun primeiro momento, a Casa Real confirmara a presenza de Filipe VI, pero este martes, botouse atrás.
O rei ten baleira a axenda para ese día, e como todos os seus actos deben ser referendados polo Goberno, emerxen as suspicacias sobre o motivo da súa ausencia. Segundo algunhas fontes, o executivo alega motivos de seguridade: en 2018, os Mossos xa tiveron que blindar o acto ante o acoso dos radicais. Nesta ocasión, sobre o evento planea a inminente decisión do Supremo sobre a inhabilitación de Quim Torra.
Pero algunhas asociacións xudiciais desconfían: a maioritaia Asociación Profesional da Maxistratura cre moi preocupante que o Goberno non poida garantir a seguridade do rei, máis aínda se esa invocación só pretende disfrazar motivos abertamente contrarios á Constitución, en referencia velada a algún tipo de concesión ao independentismo. A Asociación Francisco de Vitoria di que as circunstancias políticas non poden condicionar un acto solemne dun poder independente como a xustiza. A progresista Jueces para la Democracia pide evitar polémicas, pero para iso cre que sería boa unha maior transparencia.